Saúl Rivas
  • Sobre min
  • Proxectos
  • Servizos
  • Blog
  • Contacto

Moita bichería

O sábado 21, coa primavera, chegou tamén o recoñecemento a ‘Bechos’, un dos traballos más divertidos que tiven nos últimos anos.

29/03/2026
Caderno, Tarefa

Teño que recoñecer que sinto certo placer —cada vez menos— culposo escribindo isto unha semana despois de que acontecera. A adrenalina de contar as noticias canto antes, facelo con atención ao detalle, coas mellores fotos e vídeos, sendo inxenioso… fai tempo que se volvera unha sorte de parálise e loita. Pesaba máis non repetirse ca desenvolver o estilo propio para un cliente ou crear unha conversa arredor dun feito.

A itenerancia dos últimos anos dos Mestre Mateo, os premios do noso audiovisual, levounos este ano por vez primeira a Lugo. Volver alí sempre me resulta raro, mais tamén bonito. Nas súas rúas pasei a maior parte da miña infancia e etapa formativa. Unha cidade que se transformou nos últimos anos —non deixa de medrar en poboación aínda que vaia amodo— e na que parece que non pasa nada fóra do San Froilán e o Arde Lvcvs. Pero sempre hai cousas e plans. E xente de Lugo, que é o mellor que ten a cidade.

E con boa xente de Lugo comezou o sábado da festa do noso audiovisual. Un festivo con sol a estas alturas do ano case que obriga a estar fóra da casa, enganarnos por unhas horas pensando que xa non volve o frío e comprobar que, ademais de vellos e vellas tamén hai rapazada no interior do país. Así que fomos tomar o vermú no centro, nun dos locais de referencia para a música na cidade, o Ho! Gruf. E, aínda que non desfrutamos en exceso da proposta musical, deu tempo a poñernos ao día, agardar polos rezagados e ir xantar pensando na longa noite que tiñamos por diante.

Unha festa chea de amigos

As galas de premios teñen moitas funcións, pero para moitos de nós a principal é poder xuntar no mesmo espazo xente querida, boas compañeiras, persoas ás que admiras e mesmo outras que non tiveches aínda ocasión de coñecer e marchas para casa pensando como é posible que non forades amigos. Algo parecido ao gustiño que me dá escribir isto a deshora pásame con estes eventos desde que non participo da súa organización —que, por certo, este ano superouse—. Podo andar de aquí para alá, enganchando nas silveiras e roubando canapés cando ninguén mira para min.

Encantoume ver a Fede de novo en televisión facendo rir como ninguén máis é capaz. Unha gala de premios é un formato bastante ríxido e moitas veces predecible, pero desta volta tanto el como Trisha, Rafa, Xabier e Mondra deixaron o nivel moi alto e regaláronnos unha chea de risas, música e algunha sorpresa.

Catuxa e Xurxo son os protagonistas de ‘Bechos’.

Aínda que para min, a maior sorpresa foi escoitar a María Solar “Bechos” logo de abrir o sobre a Mellor Serie Web. Conseguimos así un recoñecemento a este proxecto que desenvolvín xunto con Sofía García e cuxa segunda temporada estreou o verán pasado o Xabarín. Escribir para animación foi algo novo para nós e resultou nunha chea de aprendizaxes, penso que para todo o equipo. Desde a produción de Undodez, que logo continuou con outros proxectos como Bibopalula, Pipo ou Lola, Porco & Paco, ata para Laura Mahía, quen lle deu vida os personaxes cos seus deseños marabillosos.

A festa seguiu e levou premios un monte de xente querida e talentosa. E logo continuou fóra das pantallas. E non se acabaron os petiscos. E voltamos para a casa de madrugada, e collimos un boadillo no 24 horas de San Roque, e case nos conxelamos polo camiño; e por momentos pareceu que tiña 20 anos outra vez. E o domingo volveu saír o sol e atopeime con compañeiros do instituto desfrutando coas súas familias e volvín á Coruña onde agora teño a miña.

Este premio ten o valor de ver que o cariño que puxemos nun proxecto modesto foi recoñecido por compañeiras e compañeiros que saben o que custa levantar unha produción por pequena que sexa.

Vémonos o ano que vén para festexar que, pese a todo, seguimos facendo pelis, series, curtas, videoclips… e construíndo un audiovisual diverso, que mira para dentro e tamén para fóra.

Artigo anterior
Unha arma de construción masiva
Seguinte entrada
Regueifar na Domus

Máis artigos

  • Palmira Lará: unha viaxe pola nosa tradición 01/06/2026
  • Regueifar na Domus 13/04/2026
  • Moita bichería 29/03/2026
  • Unha arma de construción masiva 15/03/2026
  • Ola, Mundo! 07/12/2025

Categorías

  • Caderno (2)
  • Tarefa (4)