Hai mil formas de comezar un caderno. Explicar de onde vén o feito de incoporalo na nova web é unha delas.
Ola, Mundo!

A última vez que me enfrontei á primeira entrada dun blog aínda estaba na universidade; Amazon era unha libraría online, Instagram non existía, Twitter era unha ferramenta aínda de nicho recoñecible polo paxariño azul no canto dun X e Facebook apenas tiña impacto nas nosas vidas. Ou menos do que agora, entendendo isto como queiras entendelo.
Coincidiu tamén despois da ponte de decembro. Aquela primeira entrada estaba marcada como 10-12-06 e foi o comezo de pouco máis de tres anos de actualizacións frecuentes, de coñecer moita xente nas redes que se tecían —chegamos a facer festas de blogueiros das que non teño documentos gráficos porque o meu teléfono, por sorte, non sacaba fotos— e, sobre todo, creei o hábito de escribir a míudo. Non sei se é certo que para fixar un costume precisamos sobre dez semanas, pero si que para perdelo abondan uns poucos días. Escribir un blog sobre as cousas que me interesaban daquela foi un adestramento moi útil para todo o que veu despois.
Estes últimos anos escribín en blogs, webs, redes sociais, revistas —dixitais e físicas— e tamén guións, entrevistas, sinopses e infinidade de dossieres. Pero fai máis de quince anos que non levo un diario ou escribo regularmente sobre as cousas que me moven ou nas que teño posta a cabeza no meu día a día. Cando decidín abrir unha web para que a miña presenza persoal e profesional en internet non dependera só de terceiros, tiña clara unha cousa: era necesario un caderniño no que ir contando cousas de traballo e da vida. Un lugar que me obrigase a coller o bo costume de escribir con regularidade sobre as cousas nas que poño a atención día a día.
Así que, ata que volva perder ese bo hábito, pasarei por aquí a miúdo.
Máis artigos
- Palmira Lará: unha viaxe pola nosa tradición 01/06/2026
- Regueifar na Domus 13/04/2026
- Moita bichería 29/03/2026
- Unha arma de construción masiva 15/03/2026
- Ola, Mundo! 07/12/2025