Saúl Rivas
  • Sobre min
  • Proxectos
  • Servizos
  • Blog
  • Contacto

Palmira Lará: unha viaxe pola nosa tradición

O programa inaugura a renovación do “pirme time” da Televisión de Galicia neste mes de xuño. Os luns, Miguel Lesta e Leticia Rei achegarán a música, o baile e a cultura de noso á audiencia da televisión pública.

01/06/2026
Tarefa

Nos últimos anos vivimos unha revolución na música e o baile tradicionais. Despois da efervescencia dos noventa, onde moitos de nós descubrimos a nosa música da man das Leilía, de Berrogüetto, Mercedes Peón ou Luar na Lubre, por citar catro que me acompañaron moito tempo e se fixeron un oco entre os casetes de grunge, britpop e postpunk. Agora son as xeracións máis novas as que converteron a tradición na súa forma de relacionarse co mundo nun sentido amplo, creando, desfrutando e lucindo con orgullo a súa identidade.

De todo isto nace Palmira Lará, un programa que estreamos na Televisión de Galicia e no que percorremos o país xunto a Miguel Lesta e Leticia Rei na procura de toda esa memoria que segue viva grazas á xente que a conservou e a transmitiu.

Ao longo de oito capítulos visitamos aldeas, vilas e cidades, falamos con persoas que lembran como eran as festas doutro tempo, con bailadores e pandeireteiras, pero tamén con xente nova que decidiu dedicar parte da súa vida a manter vivo este patrimonio. Porque a tradición non é algo que pertence ao pasado. Está cambiando constantemente e segue formando parte de quen somos.

Borja e eu coa “palmireta” durante unha pausa na rodaxe. A foto foi feita cunha Kodak desbotable algo caducada.

Palmira Lará nace da curiosidade, da vontade de parar, escoitar e deixar que as historias aparezan. Fixemos moitísimos quilómetros na palmireta, ás veces atopamos unha cantiga e outras unha vida enteira detrás dela.

Nunha conversa Xabier Díaz, o músico afirmou que “en descubrir a terra que pisas, o país no que vives… hai que invertelo todo, hai que inverter a vida. E en coñecer á xente, sobre todo” e eu non podo estar máis de acordo. Crear e dirixir este proxecto xunto a Borja Casal foi tamén unha oportunidade para coñecer Galicia doutro xeito. E non poder deixar de estar agradecidos a toda a xente que nos axudou, deu pistas ou tivo a paciencia e a empatía de entender as nosas ausencias.

En descubrir a terra que pisas, o país no que vives… hai que invertelo todo, hai que invertir a vida. E en coñecer á xente, sobre todo

Xabier Díaz

Oxalá o programa sirva para que máis xente teña ganas de facer o mesmo: preguntar, escoitar e interesarse por todo aquilo que aínda permanece vivo na memoria dos nosos maiores.

Desde hoxe, 1 de xuño, un capítulo cada luns ás 22:45 horas na Televisión de Galicia. E despois á carta en AGalega.

Artigo anterior
Regueifar na Domus

Máis artigos

  • Palmira Lará: unha viaxe pola nosa tradición 01/06/2026
  • Regueifar na Domus 13/04/2026
  • Moita bichería 29/03/2026
  • Unha arma de construción masiva 15/03/2026
  • Ola, Mundo! 07/12/2025

Categorías

  • Caderno (2)
  • Tarefa (4)