Ao son da nova regueifa

Documental
Dirección, Guión, Undodez

Todo comeza cunha busca, a da Nova Regueifa. Nese proceso, rematamos decatándonos de que xa estamos camiñando ao son dela. Este documental propón unha viaxe na procura das pontes construídas entre a Regueifa tradicional e as súas expresións máis contemporáneas, afondando no proceso de recuperación e transformación desta arte da improvisación oral na Galiza.

Nun percorrido que atravesa o país de norte a sur, coñecemos regueifeiras e regueifeiros que nos abren as portas ao mundo do repentismo, traendo á fronte o talento, a creatividade e a diversiadade que caracteriza a Regueifa hoxe en día. Neste itinerario que vai de Bergantiños a Vigo, non deixan de presentársenos unha serie de opostos: tradición e modernidade, aldea e cidade, aprendizaxe innata e pedagoxía…

A través de testemuñas apaixonadas, versos improvisados e moita música, trazamos un retrato poliédrico da Regueifa contemporánea: unha arte con raíces fondas e ás abertas, disposta a seguir improvisando polos camiños do vento.

Esta viaxe comeza fai varios anos, cando Manolo Maseda comezou a empregar a regueifa nas aulas como ferramenta para o ensino da lingua. Daquela xa tiña na cabeza facer unha peza audiovisual sobre unha arte particularísima de improvisación oral en verso. No 2024, Undodez pon en marcha unha produción na que me sumo para darlle forma a un proxecto no que Maseda levaba anos traballando. Xunto con Jairo Iglesias creamos esta viaxe de norte a sur na que nos aproximamos a un fenómeno interxeracional de empoderamento lingüístico.

Máis proxectos