Producido por Voz Audiovisual para a Televisión de Galicia, Palmira Lará é unha viaxe pola música tradicional da man de Miguel Lesta e Leticia Rei, dous profesores de baile e pandeireta que percorren Galicia buscando persoas que recorden “os tempos e as cousas de antes”.
Cada capítulo de Palmira Lará narra unha fin de semana de Miguel e Leto no que saen na busca de tesouros en forma de cantigas, toques de pandeireta, bailes… A curiosidade e a paixón pola cultura tradicional é que move os protagonistas, que coñecen persoas de toda Galicia que lembran como eran as festas antes, xente máis nova que dedica o seu tempo a conservar eses saberes e artistas doutros ámbitos que queren achegarse á nosa tradición.
Ao longo de oito capítulos de cincuenta minutos, Miguel e Leticia achegaranse á Costa da Morte, a Montaña de Lugo, a raia ourensá, ás rías baixas, á comarca da Ulloa, a de Bergantiños… así como ás principais cidades de Galicia nas que a actividade arredor da nosa música non deixa de medrar ano tras ano.








