Recollendo Músicas é unha exploración pola pegada que a música de raíz e os ritmos tradicionais galegos teñen nas músicas actuais. Coñecemos diferentes propostas de artistas e grupos que manteñen viva a nosa tradición a través de novas linguaxes e sonoridades modernas.
Creado e dirixido xunto a Borja Casal, este formato foi o primeiro programa nativo de AGalega en gañar o Premio Mestre Mateo a mellor programa. Ralizado por Adolfo Fernández, quen se encargou da imaxe xunto con Lucas Lombardía, foi producido por Undodez. Cunha concepción e estilo visual pensados para a súa distribución en plataformas, Recollendo Músicas busca o influxo que as nosas músicas tradicionais teñen nos ritmos, sons e na produción de artistas e bandas actuais.
A música galega está vivindo un momento de gran popularidade e, moitos dos artistas e formacións, actualizan ou incorporan nas súas propostas ritmos, sons, samples… de melodías e cancións populares. Recollendo Músicas indaga neste fenómeno da man dos seus protagonistas.
Ao longo de dez episodios, o formato achega a visión persoal dos artistas arredor das nosas músicas de raíz, compoñendo unha visión de conxunto que nos axuda a comprender mellor o gran momento que vive a música galega tanto a nivel creativo como de públicos. Podes escoitar as cancións que soan no programa nesta lista.












