A Semana do Cinema Galego incluíu ‘Ao son da nova regueifa’ na súa programación e tivemos a oportunidade de compartir co público o proceso de creación do noso documental. Este proxecto, que percorre o traballo feito nos últimos quince anos por tanta xente, está a recibir unha acollida fantástica tanto polos contaxiados do virus da improvisación oral como para os recén chegados.
Regueifar na Domus

O auditorio da Domus é un dos grandes espazos descoñecidos da Coruña. Posiblemente o mellor dotado tecnicamente para proxectar cine fóra da Filmoteca de Galicia ou as salas de cinema que aínda resisten na cidade. Nesta sala, as compañeiras do (S8), Mostra de Cinema Periférico proxectaron un programa da cineasta Margaret Honda que incluía unha peza en 70mm, xa que a Domus conta cun dos poucos proxectores deste formato operativos na Península. Ao contar con tarima diante da pantalla é tamén un lugar marabilloso para convesar co público.
Ao son da nova regueifa proxectouse o xoves 9 de abril e contou cunha presentación guiada por Javier Trigales, encargado habitual nestas sesións da Semana do Cinema Galego que organiza a Academia Galega do Audiovisual. Poder falar do proceso de creación dun filme ten dúas caras opostas; por unha parte é interesante, para min, como espectador, coñecer a xénese do proxecto, como se desenvolveu, saber da visión autoral da dirección… pero tamén corre o risco de devir nunha conversa arredor de lugares comúns ou co único obxectivo de satisfacer o ego —ese gran inimigo de todo creador— da persoa responsable da dirección. Indo con Manolo Maseda, socio nesta aventura e auténtico valedor da regueifa, a segunda posibilidade queda anulada desde o primeiro momento.

Houbo unha pregunta que xa saíu un par de veces nestas presentacións do documental que fai referencia ao momento no que tivemos claro como ía ser a película, e tiven clara a resposta antes incluso de que se formulara. Hai unha escena no filme que nin sequera ía estar, xa que era unha toma de contacto co fenómeno da regueifa entre escolares, un campus nunha fin de semana de xaneiro en Vilalba. Un sábado griseiro e frío que rematou sendo unha peza fundamental na historia que contamos. Sorte que levamos unha cámara e un pequeno micrófono para recoller o ambiente, porque o que aconteceu alí entre o grupo de rapazas e rapaces e Sés non poderiamos nin replicalo nin contalo doutra maneira. Se ben é certo que os guións normalmente acaban de construírse na montaxe, aquí pasounos ao revés e, cun guión xa desenvolto e unha película escaletada, encontramos unha peza —agora indispensable— antes incluso de poñernos a gravar.
Para pechar a proxección, tivemos a sorte de que Lupe Blanco, xunto con Manolo Maseda deran unha clase maxistral de como regueifar, co extra de ver, grazas á miña participación, o difícil que é o que fai a tropa regueifeira. Do día saquei dúas aprendizaxes: que desfruto moito compartindo o traballo co público e que teño que practicar moito para poder sacar o B1 de regueifa.
Máis artigos
- Palmira Lará: unha viaxe pola nosa tradición 01/06/2026
- Regueifar na Domus 13/04/2026
- Moita bichería 29/03/2026
- Unha arma de construción masiva 15/03/2026
- Ola, Mundo! 07/12/2025