Saúl Rivas
  • Sobre min
  • Proxectos
  • Servizos
  • Blog
  • Contacto

Unha arma de construción masiva

Fai aproximadamente dous anos entraba en contacto cun proxecto sobre a regueifa. A intención era dar conta do estado desta arte popular de improvisación en verso; pouco imaxinaba eu que atoparía unha realidade de asociacionismo, paixón e cunha implicación da rapazada como había tempo que non vía.

15/03/2026
Tarefa

A idea era simple: dar conta do estado da regueifa nun documental. Era algo no que Manolo Maseda —músico, mestre e axitador cultural— levaba anos teimando e recompilando información. Non lle era allea á historia xa que desde que fai aproximadamente dez anos cando, mentres tomaba café, leu no xornal o titular “A regueifa morre con nós”, o burelao decidiu que non podía quedar parado vendo como unha parte da nosa cultura morría por falta de relevo xeracional e adaptación aos tempos.

Ademais de impulsar unha materia sobre a regueifa no ensino público xunto co Séchu Sende, organizar eventos e meterse de cheo no universo da regueifa, Maseda comezou a xuntar materiais audiovisuais para dar a coñecer ao mundo esta arte tradicional de improvisación. O primeiro intento, non puido saír adiante e quedou adiado, que non apartado. No ano 2025, Maseda contoulle o seu proxecto a Xosé A. Touriñán e Álvaro Pérez Becerra e Undodez púxose mans á obra.

O primeiro encontro con Maseda xa funcionou porque, como el di, os da provincia de Lugo entendémonos con todo o mundo e mellor ca con naide, con nós mesmos. Logo de revisar todo o material acumulado e ler todo o que puiden sobre o fenómeno, estaba claro que o proxecto pasaba por entender as dicotomías: o vello e o novo, as xeracións do innatismo e as da pedagoxía, o norte e o sur, a música e a “regueifa rezada”, os retrousos e o “torgho” vello… E aí nos puxemos a traballar para intentar comprender mellor que era isto da regueifa que fixo que tantas persoas lle dedicasen o seu tempo e as súas enerxías durante estes últimos dez anos.

Un baile, un pan e unha disputa dialéctica improvisada e en verso

O primeiro que había que entender é do que estabamos a falar cando falabamos de regueifa. Lupe Blanco, mestra regueifeira a quen lle estarei sempre agradecido, explícao así de ben. A regueifa é unha bola de pan, que pode ser de varios tipos e que adoita engalanarse con cintas, rosquillas, flores… Con ese pan na cabeza execútase un baile que seguro que viches algunha vez aínda que fose pola tele. E por último, é unha disputa improvisada, en catro versos octosílabos que riman o segundo co cuarto. A primeira vez que o vin, en gravacións antigas, parecíame imposible que se puidera facer, que en cuestión de segundos alguén sexa quen de armar uns versos respondendo ao desafío que lle acaban de lanzar.

Entendido isto, quedaba o máis importante; entender o que iamos facer. A principio do 2025, achegueime a Vilalba, onde varios mestres e mestras organizaran un campus de regueifa con rapazas e rapaces preadolescentes. Estaban unha fin de semana convivindo nun instituto, realizando actividades e armando foliadas polas noites. Non sabía moito máis do asunto á parte de que Sés ía ir compartir a tarde coas participantes. Fumos con idea de mergullarnos un pouco no movemento regueifeiro que tomou a rapazada, nomeadamente elas, e ir collendo ideas para o docu que tiñamos que construír. Por sorte Adolfo Fernández rexistrouno coa cámara, porque o que pasou aquel día foi o que fixo que Ao son da nova regueifa teña a forma que ten.

Cheguei a Vilalba pensando nunha peza de contextualización dunha arte tradicional que se esvaecía e descubrín que a regueifa vivía máis saudable ca nunca, modernizada, empoderante e comunitaria. As rapazas e rapaces colleron un elemento da nosa tradición e fixérono propio, empregándoo para que as súas vidas —e as de quen as rodea— sexan mellores.

A medida que avanzamos na vida, vamos atopando mestres

Esta frase róubolla ao gran Xurxo Souto, persoa, personaxe e un dos grandísimos valores da nosa cultura. E por que? Porque neste traxecto puiden coñecer moitísima xente da que aprendín máis nunha tarde de conversa que en todos os meses que pasei documentándome para escribir o guión de Ao son da nova regueifa. Algúns xa tivera a fortuna de toparme neste camiño arredor da música no que levo uns anos metidos, outras, só as coñecía por terceiros pero de todas e todas saquei aprendizaxes.

Na presentación de ‘Ao son da nova regueifa’ no Auditorio de Galicia con Olalla Liñares e Manolo Maseda. Foto: Aigi Boga

Delas e deles é este traballo que presentamos oficialmente no Auditorio de Galicia o pasado mes de febreiro e que está tendo proxeccións en diferentes festivais e eventos regueifeiros e tamén tivo un pulo mediático grazas a ser unha das catro longametraxes documentais finalistas nos Premios Mestre Mateo. Un feito que nos permitiu, enter outras cousas, proxectar o filme nos Codex Cinema de Lugo ante un público que tiña pouca ou ningunha relación coa regueifa e onde comprobamos que non só desperta interese senón que “engancha” a aquelas persoas que se animan a probala.

É un orgullo que un proxecto pequeno, feito cun equipo que entendeu á perfección o que precisabamos e coas dificultades que ten condensar en sesenta minutos o saber aprendido durante anos polas protagonistas verdadeiras do filme, as regueifeiras e regueifeiros, poida optar ao máximo recoñecemento en Galicia para unha longametraxe documental. Pero o máis importante é seguir espallando a onda expansiva da regueifa por todo o país. Porque as cousas, aínda que teñan boa saúde, se non as coidas esmoreces.

A gran familia regueifeira ao final da presentación en Compostela. Foto: Aigi Boga
Artigo anterior
Ola, Mundo!
Seguinte entrada
Moita bichería

Máis artigos

  • Palmira Lará: unha viaxe pola nosa tradición 01/06/2026
  • Regueifar na Domus 13/04/2026
  • Moita bichería 29/03/2026
  • Unha arma de construción masiva 15/03/2026
  • Ola, Mundo! 07/12/2025

Categorías

  • Caderno (2)
  • Tarefa (4)